A MIÑA FUNCIÓN

   Para os que non me coñezades aínda, vouvos contar un pouco cales son as funcións dos profesionais que nos dedicamos á Orientación:


 1. Identificación de necesidades educativas

Identificamos necesidades no centro, nas aulas e no alumnado. Non facemos diagnósticos clínicos, detectamos necesidades educativas xerais e especiais: para estas últimas realizamos avaliacións psicopedagóxicas. Así podemos deseñar medidas e adaptacións en colaboración cos profes. 

 2. Asesoramento psicopedagóxico ao profesorado e aos equipos directivos

Proporcionamos ferramentas didácticas e buscamos recursos psicolóxicos e pedagóxicos, criterios e pautas de intervención para seren postas en marcha polos docentes directamente co seu alumnado.


 3. Consello ás familias no seu labor educativo

Estamos sempre dispoñibles para asesorar ás familias que teñan fillas ou fillos escolarizados con problemas de aprendizaxe, de conduta...; sempre e cando as dificultades sexan de tipo educativo. 
No caso de problemas familiares ou psicolóxicos derivámosvos ao especialista específico que poida tratar axeitadamente o voso caso.

 4. Coordinación coas organizacións da contorna

A coordinación cos Servizos Médicos (pediatras, unidades de saúde mental infantil, neuropediatras), Servizos Sociais, ONGs e con outros recursos da comunidade vai ser sempre fundamental para compartir obxectivos, asesoramento e información.


   Convídovos a poñervos en contacto conmigo se precisades da miña axuda ou para calquera outra aclaración.